viernes, 17 de febrero de 2012

A Santa Compaña

[Texto de la revista Cousas de Redondela.]



O tema das procesións de mortos e/ou ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa occidental dende a Idade Media. E a zona xeográfica ibérica na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia, incluíndo o norte de Portugal e Asturias, xa que esta zona posúe características que a identifican como unha comunidade, reflectidas nos seus contos e na súa literatura testemuñal.

Conta a tradición que a Santa Compaña é unha procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños da parroquia, pero a crenza na Santa Compaña está rexistrada por fontes vencellada a tradicións europeas de raigame diferente ao cristianismo e anteriores no tempo.

Segundo o Dicionario dos seres míticos galegos, os termos Santa Compaña e Santa Compañía son nomes erróneos por contaminación culta, aínda que poidan usuarse de xeito eufemísticos nalgures, dado que a Compaña non é santa. A expresión vén do "sanctam cum pania", que pode asemellarse a "santa compaña". non obstante, unha tradución máis literal sería "que comen do mesmo pan", referíndose ao convite funeral no cal as ánimas levan os vivos para a procesión, sendo necesario finxir comer os manxares propostos e comendo un alimento propio aínda que sexa pan que se leve no bolsillo para librarse. A vixencia deste mito de relación dos vivos e dos mortos na sociedade galega recoñécese polos testemuños de fontes escritas ao longo da historia e polas hipóteses de estudos. Na súa función de mito, a disgregación das partes constituíntes da antiga sociedade galega, é dicir, a desaparización dun estilo de vida tradicional anterior que se constrúe dende a urbanización e a industrialización modernas. Polo tanto a cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI considera a Santa Compaña como unha das lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural.

A súa vixencia queda constatada por diversos documentos da Inquisición no século XVI e comezos do XVII, mencionando xa a crenza, en Galicia, de ánimas errantes que non foron nin ó paraíso, nin ó inferno, nin ó purgatorio.

Risco considerou que o aspecto máxico da Compaña é só unha manifestación de relixiosidade fóra das normas e regras da relixión vixente, na que se atopan dunha banda o mundo da realidade, os lugares da parroquia, xente do pobo viva ou morta, e doutra banda referentes do imaxinario colectivo de códigos e símbolos culturais que vinculan a visión ó conceptual.

Non existe ningunha descrición consensuada sobre o que é a procesión. Cada testemuña da crenza, e son moitas, pode ter unha descrición diferente. De todos os xeitos, o fenómeno, explicado por aquel que o viu ou comunicado por outros, é sempre unha realización singular. A comitiva pode ser semellante á da cazaría salvaxe dirixida por Odín ou por un dos seus substitutos. A comitiva pode seferirse á hoste antiga das ánimas en procesión. Sen esquecer que pode tamén ser unha derivación das procesións de meigas.

Hai aquel que ve a Santa Compaña e hai aqueles que se poden chamar os "crentes", que cren na súa existencia ou que a dubidan no ámbito da súa crenza. No relato, hai elementos da vida material que cada un pode recoñecer como unha realidade da súa vida cotiá (os lugares da parroquia, as casas, etc), elementos que teñen unha realidade mental (as ánimas, os defuntos, etc.), así como elementos ficticios que só serven de decoración (o ambiente nocturno, as luces opacas, os murmurios inintelixibles, os corpos brancos e pálidos, etc.). Dentro dos elementos que teñen realidade mental pódense distinguir en aquelas ánimas da procesión que sen de xente coñecida, vivos ou mortos, daqueles que son figuras sen relación cos veciños.

A procesión adoita ir encabezada pola persoa viva que porta entre as súas mans unha cruz e mais un caldeiro con auga bendita; tras el, varias ánimas con cirios acesos, non sempre visibles, sígueno. A súa presenza faise notoria no cheiro a cera queimada e no vento que se ergue ó seu paso.

A persoa viva que precede esta procesión pode ser un home ou unha muller, dependendo de se o patrón da parroquia é santo ou santa. Ademais, o portador da cruz non pode en ningún momento volver a cabeza nin renunciar aos seus cargos precedendo á Santa Compaña. Só será ceibado cando atope a outra persoa polo camiño a quen lee entregar a cruz e mailo caldeiro, momento no que estoutro pasará a substituílo.

Para zafarse desta obriga de substitución, a persoa que vexa á Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e deitarse boca abaixo sen mirarlle á cara a ningún espírito. Mentres tanto, a persoa que leva a cruz e o balde vólvese branco e vai adelgazando a cada paso que dá, ata que consegue darlle o caldeiro a outro.

O que si é comunmente aceptado é que a Compaña produce medo, xa que é considerada como sinal de morte. Pode ser porque a Compaña necesita dun vivo que leve a cruz e anda ás portas pedindo compañía.

Malia que na maioría das historias a Santa Compaña realiza as súas aparicións de noite, hai tamén casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. A frecuencia pode ser de todas as noites á mesma hora como non. Cada visión é unha recreación e en cada localidade vai evolucionar segundo as necesidades socio-culturais do grupo onde está vixente.

Lisón Tolosona recolle en 1960 124 casos onde o motivo da procesión é para anunciar a morte, 32 casos para facer penitencia e 31 casos para castigar. Os nomes para chamar a procesión están relacionados co motivo da súa existencia.

Outros nomes da Santa Compaña son as da noite, antaruxada, avisóns, avexón, enxamio, estadea, estantiga, estandiga, estadeíña, pantaruxada pantalla, procesión das ánimas, rolda, roldiña, visión, visita, xáns ou pantasmas de vivos.

--------
[La Santa Compaña donde vivo]

Na miña vila din que a Santa Compaña é o espírito dunha persoa viva, que pode ser un neno como unha persoa maior, que guía unha procesión. Ese espírito pode que leve algo nas mans como non, non se sabe porque depende se se ve ou non. Tamén se di que leva un caldeiro con auga bendita.

A Santa Compaña dise que pode aparecer tanto de día coma de noite, a hora non é importante.

A procesión da Santa Compaña pode empezar a andar pola parroquia en canto morre alguén, é dicir, a súa procesión pode ser unha recreación da procesión do morto.

Ti non a poder ver vir. Só sentila. Cando te levou a Santa Compaña, ou anda preto, pode que cheires algo semellante como a cera, sentir un ar quente que pasa preto de ti ou escoitar os barbullos das almas que están a falar. O único xeito para que non guíes á procesión da Santa Compaña é prosinarse sempre ó saír dalgún sitio cara ó exterior. Ademais, non podes estar no medio e medio das portas da casa que conduzan ó exterior por se acaso tes a procesión na casa e así a podes deixar saír.

Como detalle curioso, tamén se di que cando pasas por un cruceiro non te podes prosinar por se hai algunha alma aferrada a ese cruceiro e de súpeto decide aferrarse a ti.

Na vila do lado din que a Santa Compaña pode levar tanto un caldeiro con auga bendita como unha cruz. Din tamén que non podes ver á Santa Compaña ós ollos para que non che pase o caldeiro e te condene a levar a procesión en busca doutra persoa a quen pasarlle o caldeiro. Liberarse dela, tan sinxelo como non a ver.

- Esquecinme de dicir que tamén se di que na procesión pode haber ata unhas 300 persoas. -

No hay comentarios:

Publicar un comentario